Lémbrome cando era un rapaz de flequillo e mofletes anchos, un rapaz de ollos grandes e orellas de soplillo. Lémbrome do sorriso que botei nada máis facer a primeira comuñón e aquel tempo no que olñlaba ao mar e cría en Deus (menos mal, duroume pouco). Lémbrome escoitando a Víctor Jara e a Silvio e o fácil que era crer no socialismo (agora sigo crendo pero con máis crebadeiros de cabeza). Lémbrome cando me ensinabas a soñar, cando cantamos xuntos o Hino naquel concerto de Suso. El morrería uns meses despois e convertérase nun mito para nós. Lembro cando me poñías aquela canción de Suburbano (
"dime qué hacemos, pirata, en medio de este descalabro. Quédate tú si prefieres que yo me abro de aquí").E agora aprendín a odiarte a golpe de navalla e berro. Agora queres levarme do único lugar no que cecais fun feliz. Agora, que ti cres conseguir fuxir do teu descalabro, comeza o meu. Agora sei que nunca conseguin quererte coma pai, que o teu bafo a cervexa e tabaco puido máis que as cancións e os libros.
Decidino: non me irei contigo, tampouco me quedarei na casiña a carón do mar. Tampouco Vila Feitiña consegue calmarme, estou ata os güevos desta puta cidade. Precisaba pasarme uns meses crioxenizado e atoparme cunha nova vida de súpeto.
Decidino: teño un mal presentimento e os meus malos presentimentos sempre se cumpliron ata agora. Este ano será o ano da miña fuxida. Cara algún lugar... lonxe...
Total, como diría Patxi Andión, a quién le importará.. na nai ná na nai ná