domingo, julho 03, 2005

Na miña viliña morracense

Agantando a tentación (e ciumento no fondo porque sei que me perderei un deses saltos ao baleiro que tanto me gustan) inicio o camiño do exilio despois dunha improvisada reunión na Estakada 23 cunha botella de viño roubada dos brazos dunha árbore que deixou unha ardente bagulla nas miñas mans.

Ardentía, ese é o termo que fica nos meus miolos despois de todo. Ela apareceu cuns grilletes nas mans e eu, desarmado pois xa hai algun tempo que o sorriso me falla, non poiden liberala. E mergulleime nas lembranzas da noite anterior, no desexo de experimentar o longa que pode facerse unha noite xogando eu só cos playmobil no meu cuarto.

Os vasos caíron ao mar. A comida caeu nunha das rodas traseiras dun Citroën ZX, mais as lembranzas seguian dentro, camiñando en zig-zag polas miñas pernas. A invasión resultou un fracaso.

Ardentía por tantas cousas... tantos momentos asaltaron a miña mente esta noite morracense, aquelas noites nas que Bueu tremía ante as voces de Jitaniyo e Fray Escoba. Esas noites que me pediron repetir...

Pero xa non son o mesmo... Cambioume o acento e agora a miña boca bota un estrano fume gris (coidado que corredes o risco de intoxicarvos).

O Chino tusía e nós ríamos. López daba voltas e nós tamén ríamos.

Ti apareciches con grilletes e deronme gañas de poñerme a chorar.

(E mentres tanto, o peirao de Bueu derrumbabase e o can de Freire fería a un vello na perna esquerda)