terça-feira, junho 21, 2005

Comme toi, comme moi...

Aganto nervoso o cítrico desexo de chorar que me provoca o fume da sala e decido absorver (apretando ben os beizos e debuxando enrugas nas meixelas) o picor dalgún gran que me saiu por embaixo da pálpebra.

Todo é néboa e unha multitude de xente semella sorrir á vez ao son da música. Eu calado, buscando, coma quen busca atopar unha formiguiña no máis fondo dun vaso de auga para collela polos seus peciños e intentar salvala da súa mortal humidade.

Tódolos nenos hoxe xogan a ser maiores, xogan a perderse, a debuxar enderezos e mentiras nalgunha servilleta de papel, mentres unha man que sorri e semella repartir bicos coas suas caricias, recibe a fatal nota e comeza a pensar nunha nova apocalipse. As luces son escuras e os enderezos trabucados. A sala acolle a maior Festa das Mentiras.

Excepto no fondo á esquerda, todo é unha grandiosa antoloxía de noites perdidas e fumes de malos espiritos. Alí, sentada a carón dunha mesa de sabe deus de que cor e rodeada dun oasis de efémera luz, estaba ela cun cigarro prendido nos beizos e un cinseiro ateigado de cavichas e restos de carmín.

Nena triste e sinxela, que fas aquí? Semellaba un miragre recén caído entre o eterno baile de vasos que pasaban de man en man (pero estas mans non sorrían). Todos nalgún momento quedaban ollando cara a ela. E ela tremía de medo.

Eu tamén ollei cara ela, e ela tamén tremeu entón.

Pechei os ollos e finxín non estar atendendo a ela nin ao doce movemento do cigarro na súa boca. O seu estrecemento fixera que unha serpe envelenada recorrera o meu estómago e dediqueime entón a rabuñar os poucos fíiños de luz que me chegaban, igual que alí facían todos.

E de súpeto, un calafrío. Miro de esguello cara a mesa do fondo á esquerda e atopo unha mociña cun cigarro na boca ollando cara a min. Boto a tremer... Na súa man baila unha barra de beizos que debuxa algo nunha servilletiña de papel.

E ela sigue ollando cara a aquí...

E eu pregúntome cal é a peza de xadrez cuxo movemento debo imitar