terça-feira, maio 31, 2005

Afectado

Outra vez só. Coma sempre, é o meu destino. Ninguén voltará aparecer, ninguén voltará a conseguir roubarme un sorriso. É o normal cando baseas todos os teus actos do día naquelas mentiras que che susurrou nunha noite a máis escura das fadas. E o peor é ti criches esas mentiras e todo o mundo que se construiu baixo eses ceos de emoción se deixan devorar pola choiva áceda do tempo e o silenzo. Un rostro novo aparecerá esta noite debuxado na lama dos meus zapatos.

Na miña gaiola de chumbo recollo todos os trastos que deixaches. Deus! Seguro que nunca miraches tanta desorde, tanta miseria pousada nas asbas dunha cama. O tríptico da UPG semella que hoxe cairá por enésima vez, a cunca de viño que sirve coma cinceiro está dando rolos polo chan... E eu quédome coa compaña do fume, agardando tódolos días a que por fin chegue a Apocalipse. O remate de todo. Son a peor das pantasmas, a que máis medo dá. Son a Pantasma sen Bágoas. Non sei por qué pero ultimamente son incapaz de chorar, aínda que o escozor dentro da miña cabeza aínda persiste.

E as veces aparece un intre de luz, pero só é as veces... Un saúdo de súpeto semella unha declaración de amor, pero ti ben sabes que o imaxinas todo, que tes que despertar dunha puta vez... e calas. Tragas a certeza de que non significas nada para ninguén e comezas a recordar esa Man Escura que sabes que anda tras de ti intentando matarte. Sabes que hai alguen empregando a maxia contra ti.

Teño ganas de irme, non sei adonde, a calquera lado con tal de que estea eu só e non mire preto de min a ningún rostro coñecido. Un sitio onde ninguén me conte máis mentiras nin me faga sentir coa ollada que é preferible que me vaia rápido e sen deixar rastros no chan da Faculdade.

Xa vou deixar de dar a vara. Xa estou canso das historias desta cidade. Compostela é a maior mentira de todas, nunca vos fiedes desta cidade. No momento máis inesperado sacará o puñal e atravesaravos por detrás mentres paseades as dúas da mañan pola Quintana perseguindo os sons dunha zanfoña.