domingo, maio 29, 2005

Won´t You Die Tonight for Love?



Era coma camiñar polo corredor da morte. Apresurada pero desexando ser lenta e liberando fantasías dos ollos cegos que o medo pintara na súa cara. A tarde era unha carreira infinita.

-Unha luz apareceu de súpeto. Unha frase. Un sentimento fuxido. A súa ansiedade era tan próxima coma a morte. Era silenzo-

Acaso non o comprendían? Non podía haber luz. Tantas balas forzaron o seu calor que agora tan só podía estar así, deitada na rúa, co seu corpo metálico apoado nun escuro vómito verquido no chan.

-A luz desapareceu. Así, tan súpeta coma a súa aparición. Tal vez sinxelamente fose un cortocircuito na córnea sintética dos seus ollos-

Uns pasos fixeron que erguera a vista. Alí había un home ollándoa dende arriba, con cara de enfado. Facía frío, había un vento xeado que non paraba de facela tremer. Pero porqué ese vento lle semellaba que procedía daquel ser humano. Un novo calafrío recorreu a súa pel artificial.

"Ahá, pode sentir o frío! Perfecto. Isto é un avance. O próximo paso é que sexa capaz de amar." Ese era o soño máis agochado daquel home. Recolleu a silueta metálica do chan e así avanzaron a través das grises rúas ata o laboratorio do profesor. Unha imitación do Sol facía bater os seus raios nas súas caras.

As fuxidas da súa autómata eran cada vez máis frecuentes. El xa non sabía que facer. Por moito que fixera por retela na casa ela nunca recibía o novo día dentro do fogar. O científico xa había tempo que anotara a devoción da súa criatura pola observa de amenceres.

No primeiro día da súa imitación de vida, o profesor leváraa ata o edificio máis alto da cidade, que imitaba na súa forma a unha rosa. Unha ringleira de espiñas permitía trepar polo seu dourado talo, ata chegar ata a vermella corola, dende onde os dous observaron aquela copia holográfica do Solo que lles daba luz. Era precioso. Tódolos teitos das casas comezaban a brilar, algúns incluso botaban luces cara o ceo. Todo se vestía de cores. Amarelo, laranxa, violeda... ata as ruínas que rodeaban a Rosa semellaban diamantes nun campo de flores. Podíase pensar que nunca houbera aquela Guerra que devastara o mundo. Eles alí sentíanse coma insectos, pequenos, insignificantes, pousados enttre os pétalos dunha rosa. El a amaba. El creáraa para amala. Era perfecta...