Indecisión tras unha batalla
Tal vez sexan as noites, que fan que a miña tristura murche e caia coma unha folla seca ao chan... Tal vez sexa que por un momento consigo esquece-lo silenzo e lembrar que nacín dun útero de berros e multitudes, no que as persoas alumeaban as vereas con ollos iridiscentes.
Nas noites desaparece esa trama de grises que a luz do sol crea polo día. Todo é de cores de súpeto e o desexo de rolar polas rúas abaixo convértese nun feito real e dooroso a veces.
Nunca vistes aos edificios xirar ao redor vosa cunha tola cara de asasino? Nunca quixestes retrasar a chegada da paz simplemente por querer sofrir un pouco máis desa auga emponsoñada que fai medrar espullas no corazón?
Aprendes idiomas por unha noite e deixas de crer na utilidade do esperanto. Recitas poemas e os xeonllos comezan a queixarse e a dobrarse ante a fermosa estatua dunha Venus-Afrodita.
Desexas que un rostro non apareza pero ese rostro aparece cun sorriso de estrelas. Tal vez sexa mellor así. Eu tamén sorrirei que estes son tempos difíciles e fai falla algún tipo de motor para voar.
O cansanzo tórnase en amencer e a Revolución da noite xa nin tan sequera é unha enmenda parcial á Lei de Partidos.
Volta a trama de grises. Os días fanse longos e as presenzas eternas.
0 Comments:
Enviar um comentário
<< Home