quinta-feira, julho 14, 2005

Minha meninha...

Lembras aqueles tempos? Todo era máis sinxelo, non sabiamos nada das incongruencias do materialismo histórico de Marx e non tiñamos que partirnos a cabeza tanto coma agora. Cantabamos as glorias do che Guevara e de Fidel, queriamos ser coma Lenin e aprendiamos a odiar a Stalin. Polas tardes ti levabas un paraugas e nos refuxiabamos os dous da chuvia naquela manifestación na que aínda eramos nenos. Debuxabamos a cara de Groucho no esquelete de don Arturo e ti fuxias cada vez que facían a pregunta fatídica. Eu quedaba ollando como corrías por aquela clase de 20 alumnos e xa comezaba a sentir entón ese picor detrás dos ollos que agora xa leva toda vida acompañándome.

Cando un carro levou os meus soños de marchar por un anaco deste país, ti apareciches nun recreo (deses nos que eu, lisiado, tiña que recluirme) cun agasallo que aínda gardo na miña mesiña de noite e co teu corpo espido facendo a danza do amor. Aínda hoxe Pablo, Patu e máis eu gardamos o segredo. Logo viu o noso maio do 68, tomamos o Concello mentres xogabamos ao Mikado e bebiamos mate do termo de Tania.

Pero todo despois comezou a torcese. Eu declarabache o meu amor mentres ti pedias unha aspirina para os teus males de cabeza ao pit-bull do instituto. Foron despois meses de silenzo e de mans do peito as longas mañans no Enxebre. Pero todo pasou. Ti perdías a inocencia no baño do Aturuxo mentres eu conversaba con Venus unha noite tirado na lonxa de Bueu, despois dunha das miñas moitas batallas perdidas. Entón perdinte a pista.

E hoxe chégame unha mensaxe túa, que non está dirxida a min, e dime que hai algo que xa morreu, que o tempo pasa e ás persoas de súpeto, sen saber por qué, déixaslles de gustar, que o soño sempre remata esvaíndose. Mírote pola rúa e non che digo nada desa mensaxe da que eu non era receptor, quédome coa túa imaxe feliz, co teu torso dobrado cara atrás e os brazos estendidos, berrando a túa mítica frase de: "irradias erotismo".

Rapaza, deboche unha das apertas máis fortes que podo dar.